InicioOccidentalViveiroHoracio Albo: "Foi unha sorpresa ter sido seleccionados como Campionato de España...

Horacio Albo: “Foi unha sorpresa ter sido seleccionados como Campionato de España de Carreiras por Montaña”

O Concello de Viveiro será esta próxima fin de semana o escenario da Camovi Xacobeo 2022. A proba será Campionato de España de Carreiras por Montaña Individual e de Seleccións Autonómicas, punto este para recoñecer quen representará a España no mundial de carreira a celebrar en Italia. Falamos con Horacio Albo, un dos organizadores desta edición quen, ademais de resaltar a participación, destaca o traballo de voluntarios e voluntarias para que todo estea apunto para este sábado e domingo en Viveiro.

Publicada o

- Advertisement -

-Por que a proba Camovi Gran Premio Xacobeo 2022 será tamén Campionato de España de Carreiras por Montaña Individual e de Seleccións Autonómicas?

A Camovi xa forma parte da Copa de España desde hai tempo. Despois do ano da pandemia no que non se celebrou a proba, decidimos facer unha versión máis reducida da carreira. Limitamos o número de dorsais a cento cincuenta en cada distancia. As distancias foron tres unicamente, nin carreiras de nenos nin andainas. Isto foi un éxito porque os dorsais esgotáronse rapidamente nunha fin de semana por ter sido unha edición máis reducida. Este ano, pola contra, queriamos facer unha edición moito máis ampla con proba de trail, algo máis multitudinario. Isto levounos a ser candidatos para ser Campionato de España tanto en individual como en seleccións autonómicas. Realmente foi unha dobre sorpresa, por unha banda ser seleccionados e por outra ser seleccionados para os dous campionatos, o individual e por seleccións e incluíndo ademais tanto xuvenil como juniors.

a Camovi ten sempre un carácter popular porque a carreira é sempre popular

-Como funciona o sistema de competición por seleccións?

A persoa seleccionadora inscribe un número moi grande de competidores e competidoras segundo as categorías; xuvenil, juniors, promesas e absolutos. Dentro dos absolutos hai subcategorías, veteranos 1 e veteranos 2. Por tanto, inscriben todos os seus corredores e dentro dos corredores inscritos seleccionan quen será parte do equipo, quedando oito corredores por categoría. Agora mesmo están con ese baile de corredores porque están axustando quen vai competir. Isto para a oficina técnica é un traballo importante porque cada día hai variacións por diferentes motivos e por iso hai que aplicar modificacións.

-Esta carreira puntúa para outras competicións?

A competición é a máis alta de España, o campionato estatal é único e por tanto desta competición sae o campión ou campioa de España. Esta persoa terá praza directa dentro da selección española para ir ao mundial deste ano que se celebrará en Italia.

foi unha dobre sorpresa, por unha banda ser seleccionados e por outra ser seleccionados para os dous campionatos, o individual e por seleccións

-O percorrido seguirá sendo o mesmo ou existen variacións?

O percorrido é o mesmo porque o temos homologado desde hai anos. Como moito pode haber algunha desviación cara un camiño ou unha baixada, mais nunca modificamos desniveis ou distancias. Algo que introducimos como novidade son uns segmentos a xeito de metas volantes dentro da maratón de distancia longa. O ano pasado o segmento inseriuse dentro da zona de cortalumes. É un tramo curto porque realmente non chega a 500 metros de distancia cun desnivel moi grande de case 300 metros. Aí faise un ranking de tempos para ver quen é máis rápido e xa hai un récord para esa zona e tamén temos un récord para bater. Este ano incluímos un segmento mais en descenso na área de Via Crucis do Monte Castelo. Será unha distancia dun quilómetro cun desnivel negativo de 200 metros. Esa é a novidade para este ano e dicir que todos os corredores da 42 pasarán por aí e só puntuarán os tempos dos corredores que finalicen a proba.

-Este ano sodes Camovi Xacobeo, de que maneira entrastes a formar parte da dinámica do Ano Santo?

Temos un apoio incondicional do Concello de Viveiro, da Deputación e da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Este ano, sendo Ano Santo, pensamos que era pertinente formar parte do programa Xacobeo. Presentámosllo á Dirección Xeral de Turismo e á Xerencia do Xacobeo e a proposta foi moi ben recibida. Cremos ser uns bos embaixadores desta edición do Xubileo, de feito este ano van vir corredores de todas as partes de España ademais de corredores internacionais cun alto nivel competitivo, algúns correndo xa polos nosos montes.

A competición é a máis alta de España, o campionato estatal é único e por tanto desta competición sae o campión ou campioa de España

-A Camovi deixou de ter un carácter amateur para converterse nunha cita de profesionais?

Nesta edición si. Non obstante, a Camovi ten sempre un carácter popular porque a carreira é sempre popular. Mais a nós gústanos aceptar o mundo profesional e semiprofesional das carreiras por montaña ao corredor popular para sentiren o pulo das carreiras profesionais con atletas xa destacados. Deste xeito, todos os anos convidamos corredores que estean destacando a nivel nacional ou internacional para correr na nosa proba e así os corredores populares ou afeccionados poidan ter ese contacto con eles. Nesta ocasión é esaxerado á cantidade de corredores de elite que veñen competir. É por isto que agora facemos un ranking pois na liña de saída deben estar os elites en feminino e masculino e realmente son un número moi amplo de atletas. Algúns deles xa están pola comarca adestrando.

-A totalidade de Viveiro debe estar máis que satisfeita coa celebración da Camovi.

Pois si, dínolo moita xente e porque sempre tivemos o apoio dos patrocinadores locais que van desde a hostalaría e o comercio local a partners con maior proxección fóra do noso concello ademais do apoio institucional. Creo que agora llo estamos devolvendo, para iso estamos facendo unha cuantificación real do impacto económico para a zona. Por outra parte, tamén é un impulso para expor ou presentar esta parte de Galicia, ser como embaixadores da nosa terra porque para moitos dos que veñen é unha grande descoñecida. Dentro da información que lles achegamos aos participantes van cousas relacionadas con Viveiro e que facer aquí. Moitas e moitos repiten dunha edición a outra logo de coñeceren sobre todo o noso patrimonio natural.

Algo que introducimos como novidade son uns segmentos a xeito de metas volantes dentro da maratón de distancia longa

-Cales son os retos marcados para a próxima edición?

En principio rematar esta para que saia todo ben. Cando remate todo prepararemos o dossier e de aí comezaremos o traballo de estratexia para as vindeiras edicións. Non obstante, agora non estamos pensando niso, non temos en mente facer nada parecido, agora temos moitos actos por diante cunha fin de semana onde non teremos parada. E aínda que as cabezas visibles somos uns poucos, debemos destacar que esta carreira non sería posible sen o grande exército de voluntarios e voluntarias que forman parte da Camovi. Máis de 150 persoas implicadas coa proba, divididos en grupos de apoio, grupos de marcaxe, sen eles non poderiamos facelo. Agora mesmo están no monte co tempo que temos e aí están marcando e limpando o percorrido.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...